axenda
Domingo, 07 de Marzo de 2010 11:32
administrador
Actos:
O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, realizará o vindeiro luns unha visita a zonas da Limia afectadas polo temporal e polas intensas choivas deste inverno.
imaxe nenaAdemais, o martes participará nun acto sectorial dentro da campaña de popularización do manifesto Galiza ten Dereito sobre caixas de aforro, que se celebra o martes ás 11:30 no Hotel NH da Coruña, ao que asistirán representantes empresariais, sindicais e sociais da cidade. O acto organízase coa intención de recabar novos apoios para este manifesto impulsado polo BNG e cuxa sinatura tivo lugar o 5 de febreiro no Parlamento galego coa participación de BNG, PP; CIG, CC.OO., UXT e a Confederación de Empresarios de Galiza.
Tamén secundará o mércores á manifestación convocada pola CIG -que chama a manifestarse en todas as cidades galegas- con motivo da celebración do Día da Clase Obreira Galega.
Xa o sábado, intervirá ás 20:00 horas na Homenaxe a José Bermúdez “Compromiso con Barro, compromiso con Galiza”, que se celebrará na Biblioteca de Barro.
Caixas de aforro e o futuro económico de Galiza Celebraranse diversas charlas de ámbito local e comarcal sobre a Lei de Caixas.
Así, o xoves ás 20:30 na Casa da Cultura do Grove intervirá Bieito Lobeira.
O venres están previstas tres charlas informativas. Unha será na Casa da Cultura de Bueu, na que falarán Bieito Lobeira e Alberte Souto ás 20:30 horas. Outra será ás 20:00 no Pazo Vilameaña de Culleredo e intervirá Ana Luisa Bouza e, finalmente, o Multiusos do Concello de Valdeorras acollerá outro acto ás 20:30 coa participación de Tareixa Paz Franco.
Web do BNG :
En www.bng-galiza.org dáse conta da última iniciativa do BNG en relación ás caixas de aforro. O portavoz nacional vén de dirixir unha carta ao presidente da Xunta para demandarlle que dea por concluídas as negociacións con Madrid, apresente o recurso de inconstitucionalidade contra o FROB e solicite, con carácter urxente, unha reunión con Zapatero non para negociar nada, senón para esixirlle a retirada do recurso.
Ofrécese información, ademais, das propostas do BNG para o Acordo sobre Economía e Emprego e sobre a participación nacionalista na investidura do novo presidente de Uruguai, entre outras.
Na web pódense descargar as Bases para un acordo sobre economía e emprego.
Axenda parlamentar :
No Parlamento galego, haberá pleno o martes e mércores, no que se debaterá a Proposición de lei do BNG para presentar perante o Congreso dos Deputados para a transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galiza en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.
Ademais, o deputado Fernando Blanco presentará a moción do BNG sobre as iniciativas previstas polo Gobemo galego para afrontar a crise económica e a recuperación do emprego.
Entre as proposicións non de lei, destacan as presentadas por Teresa Táboas e Isabel Sánchez Montenegro sobre a redacción dun Plan Galego de Mellora dos TCA (Tramo de Concentración de Accidentes) como continuación do Plan de Seguridade Viaria 2006-2010 e a de Carlos Aymerich sobre a concesión dunha axuda por importe de cinco millóns de euros á empresa Caramelo.
Ademais, haberá unha interpelación de Ana Pontón sobre os obxectivos e as liñas xerais que ten previsto desenvolver a Xunta de Galiza en materia de igualdade durante a presente lexislatura. Carlos Aymerich formulará unha pregunta para a resposta oral polo presidente da Xunta sobre a estratexia do Goberno para facer efectivo o dereito de Galiza a contar cun poder financeiro propio.
Entre as preguntas orais, pódense sinalar a formulada por Carme Adán e Alfredo Suárez Canal sobre a razón da deixación de funcións por parte da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria diante dunha previsión meteorolóxica de risco importante, a presentada por Carme Adán sobre o peche por parte da Cruz Vermella Española do hospital que posúe en Vigo ou a de Fernando Blanco sobre a realización pola Consellería de Facenda dalgún control ou seguimento do encarecemento das comisións bancarias.
Hai que ter en conta que estas son as previsións que coñecemos no feche deste BNG Informa, pois algunhas das ordes do día se deciden os luns e, polo tanto, cabe que a axenda parlamentar do BNG sexa aínda máis ampla.
No Congreso dos Deputados
O mércores 10 de marzo, ás 16:30 horas, debaterase na Comisión de Industria unha proposición non de lei do BNG relativa a xestión compartida entre o Estado e Galiza do espectro radioeléctrico. O xoves 11, a partir das 9:00 horas, debátese no Pleno do Congreso dos Deputados o proxecto de lei de Reforma do Código Penal. O BNG presentou unha emenda á totalidade.
No Senado O martes 9 de marzo, a partir das 17:00 horas, no Pleno do Senado, o senador Xosé Manuel Pérez Bouza interpelará á vicepresidenta segunda e ministra de Economía, Elena Salgado, sobre a necesidade de que o Goberno suspenda a suba do IVE prevista para o segundo semestre do ano. O xoves 11, a partir das 16:00 horas, a ministra de Sanidade e Política Social comparece no Senado a solicitude do BNG para informar sobre a aplicación da Lei de Dependencia.
Axenda mediática :
A vindeira semana pódese destacar a presenza na Ser do deputado Bieito Lobeira o luns ás 19.30 horas; na tertulia de Radio Voz estará o deputado Francisco Jorquera o xoves ás 8.30; e na Ser o alcalde de Teo, Martiño Noriega, o venres ás 19:30.
Actualizado ( Domingo, 07 de Marzo de 2010 11:34 )
Día da Clase Obreira Galega
Domingo, 07 de Marzo de 2010 11:23
administrador
O 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, sempre foi unha data cun significado especial para todos as/os nacionalistas galegas/os. Mais desta volta, perante as agresións que a clase traballadora está a sufrir, e as reformas neoliberais que se albiscan no horizonte promovidas polo Goberno Central (reforma laboral, conxelación de salarios e reforma das pensións, ...) e a falta de propostas do Goberno Galego, as/os nacionalistas galegas/os temos que camiñar da man para demandar do Goberno Central e da Xunta de Galiza medidas efectivas para mudar situación de crise no noso país. Por este motivo desde o BNG facemos un chamamento para secundar as manifestacións que o día 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, convoca a CIG, baixo o lema “O emprego, os salarios e as pensións deféndense loitando”, nas principais cidades de Galiza: - A Coruña: Ás 20:00 horas da Praza da Palloza
- Compostela: Ás 20:00 horas da Praza Roxa
- Lugo: Ás 20:00 horas da Ronda da Muralla (local CIG)
- Ferrol: Ás 20:00 horas da Avda de Esteiro (local CIG)
- Ourense: Ás 20:00 horas, do Pavillón dos Remedios
- Pontevedra: Ás 20:30 horas da Praza da Ferrería
- Vigo: Saída ás 20:00 h da Vía Norte
Acode á manifestación da cidade que che quede máis preto!
Actualizado ( Domingo, 07 de Marzo de 2010 11:31 )
BNG INFORMA
Domingo, 28 de Febreiro de 2010 16:23
administrador
Actos: O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, intervirá a vindeira semana no acto público “Decidindo por nós mesmas”, conmemorativo do centenario do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, e do 125º cabodano de Rosalía de Castro. Estará acompañado por Pilar García Negro e pola secretaria de Acción Feminista da Executiva Nacional, María Méndez. Será o sábado 6 de marzo ás 11:30 no pazo de Lestrove, en Dodro, á beira de Padrón. Logo realizarase unha visita á Casa Museo Rosalía de Castro ás 13:00 horas. Na vindeira semana, ademais, celebraranse diversas charlas de ámbito local e comarcal sobre a Lei de Caixas: O martes ás 21:00 en Tui, na Sala Félix Rodríguez, coa intervención da deputada Carme Adán. O xoves ás 20:30 na Casa da Cultura do Carballiño, coa deputada Tereixa Paz, e á mesma hora na Casa da Cultura de Bueu, con Bieito Lobeira e Alberte Souto. O venres ás 21:00 no Pazo da Cultura de Carballo intervirán Francisco Jorquera e Pablo Villamar e ás 20:00 no Pazo Vilameaña de Culleredo con Ana Luisa Bouza. Web do BNG :
En www.bng-galiza.org ofrécese información da suspensión das negociacións sobre a lei de caixas de aforro, da posición do BNG no Pacto de Estado contra a crise, da emenda á totalidade contra a Lei do Solo ou do rexeitamento das declaracións de Rosa Díez sobre o termo 'galego', entre outros. Ademais, na web pódese ver a entrevista do portavoz nacional emitida na TVG, na que comentou temas de actualidade política, como a Lei de Caixas, o decreto do galego no ensino ou a crise. Ademais, realizou unha análise do primeiro ano do Goberno de Feijóo. Axenda parlamentar :
No Parlamento galego, celebrarase a Comisión VII de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, o xoves 4 de marzo ás 16:30 horas, na que se presentará unha pregunta oral sobre a convocatoria dos proxectos dinamizadores para o ano 2010 e unha proposición non de Lei sobre a execución das obras previstas no Plan especial de infraestruturas na comarca vitivinícola da Denominación de Orixe Valdeorras nos concellos do Barco de Valdeorras e da Rúa. No Congreso dos Deputados (www.congreso.es) O xoves 4 de marzo, a partir das 12:00 horas, comparece na Comisión de Economía a petición do BNG a vicepresidenta segunda e ministra de Economía, Helena Salgado, para explicar por que motivo o Goberno recorreu ante o Tribunal Constitucional a Lei Galega de Caixas e non así textos moi semellantes doutras Comunidades Autónomas. A semana que vén está previsto tamén que se celebre unha reunión bilateral entre o BNG e o Goberno en relación ao Pacto de Estado contra a crise. No Senado (www.senado.es) O martes 2 de marzo, a partir das 10:00 horas, debátese na Comisión de Agricultura unha moción do BNG instando ao Goberno a que exclúa das variedades de uva para vinificación industrial as castes propias de Galiza. O mércores 3 de marzo, na Comisión de Sanidade, a partir das 11:00 horas, debátense dúas mocións do BNG: unha para que se impulse a utilización de medicamentos xenéricos e outra para que se recoñeza a fibromialxia como enfermidade incapacitante. Axenda mediática : A vindeira semana pódese destacar a presenza na Ser do deputado Bieito Lobeira o luns ás 19.30 horas; na tertulia de Radio Voz estará o deputado Francisco Jorquera o xoves ás 8.30; e na Ser o alcalde de Teo, Martiño Noriega, o venres ás 19:30.
Actualizado ( Domingo, 28 de Febreiro de 2010 16:29 )
entrevista da TVG en prime time ao portavoz nacional
Mércores, 24 de Febreiro de 2010 11:23
administrador
30 minutos, 27 perguntas, primeira entrevista da TVG en prime time ao portavoz nacionalver video 30 minutos, 27 perguntas. Así foi a primeira entrevista en prime time do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, coa Televisión de Galiza. As cuestións formulounas o xornalista Afonso Hermida. O debate arredor da Lei de Caixas, as alternativas nacionalistas ante a crise económica, a relación do BNG co Goberno Zapatero após o pensionazo e o anuncio de abaratamento do despedimento, o decreto do galego, a deixación de Feijóo ao non reivindicar unha Axenda Galega ante a Presidencia española da UE ou o Xacobeo foron algunhas das cuestións sobre as que se debruzou o líder do BNG. “Onde está o plan de choque contra a crise que anunciou tantas veces o señor Feijóo? Ninguén o sabe”, censurou Guillerme Vázquez, quen lembrou que desde que o PP goberna a Xunta “o paro medra en Galiza máis que no resto do Estado”. “O Manifesto Galiza ten dereito debe servir de base para unha gran mobilización social en defensa do noso dereito a termos un sistema galego de caixas”, ese foi un dos titulares que deixou o portavoz nacional, quen tamén salientou que “co xiro á dereita” de Zapatero e “o ataque ao autogoberno de Galiza” decorrente do recurso contra a lei de caixas galega non existen as mellores condicións para a colaboración política no Congreso dos Deputados entre a formación nacionalista e o grupo parlamentar que dá sustento ao Goberno do Estado. Non vai pactar o BNG, salientou, políticas que vaian contra os intereses das maiorías sociais nen que vaian na dirección de baixar as pensións ou abaratar o despedimento.
Actualizado ( Mércores, 24 de Febreiro de 2010 11:26 )
Ler máis...
|
|